Eleccións ao Parlamento Europeo, locais e autonómicas: volve a gañar a abstención

Celebradas onte domingo 27 eleccións ao Parlamento Europeo, eleccións locais, así como autonómicas na maior parte das «comunidades autónomas» en que a Constitución de 1978 divide artificialmente España, adiantamos unhas rápidas impresións.


O triunfo da abstención, que só a Comunión Tradicionalista pedía, é esmagadora. Nas eleccións ao Parlamento Europeo, votadas en clave de eleccións xerais, diminuíu considerablemente respecto de 2014. Con todo, o número de españois con dereito a voto que rexeitaron a farsa europea foi de 12.549.357, un 35,70% segundo cifras oficiais; se lles suman os votos nulos e en branco, a cifra resultante é 12.959.977, 37,53% do censo (no caso de Galicia houbo un total de 777.242, con porcentaxe do 34,66%). Se se compara cos 7.359.617 sufraxios obtidos pola lista máis votada (PSOE), queda claro que quen se proclama gañadores están moi por baixo.

Eses case trece millóns de abstencionistas crecen proporcionalmente nas comunidades autónomas. Nestas, en xeral, e nas locais, dáse unha considerable recuperación do PSOE, e en menor grao do PP, que parece vaia a perder o goberno dalgunha, mentres pode en cambio recuperar algúns concellos emblemáticos. Obsérvase tamén o esborralle dos «novos» partidos, agás Ciudadanos, que crece moderadamente. Podemos cae en picado, a pesar da súa coalición cos restos de Esquerda Unida. Vox entra por primeira vez en varios concellos e parlamentos autonómicos; pero comparando os seus resultados ao Parlamento Europeo cos das recentes eleccións xerais, perde case a metade dos seus votos (pasa de 2.677.173 a 1.388.681). A efectos electorais, practicamente desaparecen as supostas «fuerzas nacionales» da coalición ADÑ, reducidas a 11.798 votos nas eleccións ao Parlamento Europeo. Nas de 2014, dúas dos seus catro integrantes (FE de las  JONS e Democracia Nacional), presentados por separado, sumaban 35.545 sufraxios recibidos, e os outros dous (FE-La Falange e AES), repartidos entre coalicións distintas, recibían tamén uns poucos.


Co triunfo do Partido polo Brexit nas eleccións británicas ao Parlamento Europeo, o futuro aparece prometedor para os españois que desexan o fin da Unión Europea, á que en ningún momento debeu España pertencer. E, como nas eleccións xerais do pasado abril, confirma a desconfianza e o rexeitamento de moitos cara ao corrupto e inviable réxime liberal.

Fonte: Agencia FARO